Un pequeno museo sobre a historia da medicina abrirá no hospital de Monforte
A dirección do hospital comarcal de Monforte ten a intención de habilitar un espazo para crear un museo da medicina, polo que os amantes do eido sanitario poderán coñecer máis sobre este mundo achegándose ao centro.
Polo momento, pretenden buscar a localización exacta para establecer o museo, co que queren poñer en valor a historia da medicina. Porén, aínda non se marcaron prazos para a súa posta en marcha e apertura.
Antecedentes
O proxecto remóntase tempo atrás, pois xa no ano 2016 organizouse unha exposición de materiais de medio século de vida. Deste xeito, o obxectivo é catalogar esas pezas, que se manteñen na zona que conecta a parte vella coa nova do centro hospitalario.
A esta colección, engádense novos materiais tras a doazón da pintora e escultora Mercedes Paz Pérez. A dona galería de arte Ansoar de Chantada aportou un torno dental a pedal e unha mesa auxiliar para aparellos odontolóxicos. O torno, que supuxo un gran avance para a época, lanzouse no século XIX e foi patentado por James Beall Morrison.
Estes dous novos aparellos complementan ás pezas vinculadas coa especialidade de odontoloxía das que xa dispoñía o centro, como un armario para gardar os materiais ou unha antiga cadeira de consulta.