Un novo TAC xa forma parte do hospital comarcal de Monforte
O hospital comarcal de Monforte conta cun novo equipo de tomografía axial computerizada, adquirido pola Xunta por algo máis de 408.000 euros, que permite renovar a tecnoloxía que prestaba servizo desde hai máis de dez anos no centro hospitalario.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, xunto coa directora do hospital Inmaculada Ramos e membros do equipo directivo da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos visitou esta semana o equipo e ao persoal do servizo de radiodiagnóstico do hospital que xa comezou a traballar con el nestes días.
Este investimento englóbase dentro dos contratos de adquisición de nova tecnoloxía sanitaria adxudicados ao longo de 2022 polo Goberno galego por valor de máis de 67 millóns de euros, destinados a canalizar os fondos europeos Next Generation, de cara á renovación do equipamento hospitalario.
Recentemente, o hospital comarcal de Monforte foi incluído tamén pola Xunta noutras licitacións centralizadas. Na de sistemas de anestesia incorporáronse cinco para renovar o bloque cirúrxico do hospital de Monforte, por un valor superior a 270.000 euros. E na de ecógrafos de xinecoloxía publicada este mesmo mes incluíuse un novo equipo para o hospital de Monforte cun importe superior aos 50.000 euros.