Un grupo de voluntarios replanta árbores autóctonas en Paradapiñol

O pasado sábado tivo lugar en Paradapiñol (Quiroga), unha das zonas afectadas polo gran incendio do verán pasado, unha xornada de reforestación na que medio cento de voluntarios, entre eles numerosos veciños da contorna, participaron no proxecto de plantación de árbores autóctonas, unha acción incluída no programa Actúa Voluntariado de Afundación Obra Social Abanca.
Ata o punto de encontro achegáronse autoridades locais e representantes da entidade. O alcalde de Quiroga, José Luis Rivera Castro, estivo presente, así como a Directora Territorial de Lugo, Zaira Dapena Castro, a Directora de Zona de Lugo Sur, Itziar Puga Armesto, e José Manuel Mourelo, Coordinador da Área de Responsabilidade Social Corporativa de Afundación. Tamén participou o concelleiro de Medio Ambiente, Luis Manuel Arias.
O proxecto incluíu a plantación de 700 árbores, entre castiñeiros, cerdeiras, maceiras, pereiras, aciñeiras, figueiras e varias especies de arbustos. Os traballos desenvolveron entre as dez da mañá e as dúas do mediodía, reforzando o compromiso da comunidade e da entidade coa recuperación ambiental da zona afectada polos incendios.