Un grupo de voluntarios realizou esta fin de semana tarefas de mantemento e protección no Souto de Rozavales

O Souto de Rozavales foi o escenario esta fin de semana, 5 e 6 de xullo, dunha nova edición do programa de voluntariado interxeracional “VAI 2025”, promovido pola Xunta de Galicia en colaboración co Concello de Manzaneda.
Un total de 15 persoas voluntarias participaron durante os dous días en tarefas de mantemento e protección deste monumento natural, centrando os seus traballos no lixado e aplicación de verniz protector na madeira da varanda do Castiñeiro de Pumbariños, así como en bancos e mesas da área recreativa.
As xornadas combináronse con actividades culturais e de coñecemento do patrimonio local, co obxectivo de achegar ás persoas participantes á riqueza natural e cultural do municipio. Ademais, o sábado celebrouse un xantar libre no Souto, no que veciñanza e visitantes puideron compartir espazo coas persoas voluntarias.
Desde a organización salientan a importancia desta iniciativa para fomentar o compromiso co medio ambiente e promover o encontro entre xeracións na conservación de espazos de alto valor natural como o Souto de Rozavales. O Concello de Manzandeza agradeceu ademais o traballo das voluntarias e voluntarios, que deixaron este espazo preparado para o verán.