Un grupo de voluntarios participou esta fin de semana na recuperación dun souto en Froxán

Este pasado sábado, 14 de xuño, desenvolveuse en Froxán (Folgoso do Courel) unha intensa xornada de voluntariado ambiental, organizada en colaboración coa Comunidade de Montes da localidade e coa participación da Área de Medio Rural da Deputación de Lugo. Durante toda a xornada, en horario de mañá e tarde, voluntarios procedentes de distintos puntos de Galicia e mesmo das Illas Británicas traballaron conxuntamente para enxertar con variedades locais os rebrotes dun souto tradicional que resultara gravemente afectado polos incendios forestais do verán de 2022.
A actividade contou coa participación duns trinta voluntarios con experiencia no enxertado, moitos deles pertencentes á recentemente constituída Asociación Galega das Castañas e os Soutos, así como veciños da zona e outros colaboradores. A coordinación técnica estivo a cargo de Santiago Ramos, un dos maiores expertos galegos en enxertos, pertencente á empresa Alsara Consultoría y Servicios Integrales SL.
A Serra do Courel, cunha extensión de case 3.000 hectáreas de soutos tradicionais, é unha das rexións máis emblemáticas na produción de castañas de Galicia. Porén, nos últimos anos, esta actividade viu como a súa produtividade diminuía notablemente debido a múltiples factores: o impacto do cambio climático, o despoboamento, o envellecemento da poboación rural e, especialmente, os devastadores incendios de 2022 que arrasaron amplas zonas de soutos.
O enxertado dos rebrotes dos castiñeiros queimados con variedades locais adaptadas á zona é unha das principais medidas para a recuperación destes ecosistemas produtivos e culturais. A acción voluntaria do sábado en Froxán é un exemplo do compromiso colectivo coa preservación e revitalización deste patrimonio natural.
A Asociación Galega das Castañas e os Soutos, constituída en xaneiro de 2024, naceu co obxectivo de defender e promover o sector da castaña galega, facendo fronte ao baleiro existente no ámbito asociativo e á crecente necesidade de afrontar retos como a perda de produción, o escaso relevo xeracional, a profesionalización do sector, a correcta elección de variedades, o mantemento das novas plantacións, e os efectos do cambio climático e das pragas.
Segundo os seus responsables, a entidade ten o firme propósito de seguir visibilizando e promocionando un sector que, a pesar dos desafíos actuais, está chamado a recuperar o protagonismo económico, cultural e social que tivo durante séculos na vida do rural galego.