Un grupo de deportistas monfortinos participan nos Xogos do Eixo Atlántico
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, animou ós 83 monfortinos e monfortinas, entre deportistas e adestradores, que partiron hoxe ata Portugal, para participar nos XV Xogos do Eixo Atlántico, que se celebrarán celebrarase nas cidades de Vila Nova de Famalicão e Braga, do 30 de xuño ao 5 de xullo.
A expedición monfortina partiu o domingo ás 10:30 horas dende a praza da Compañía, como é habitual, e foron despedidos pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán. O Alcalde non puido estar presente, por coincidir esta hora de saída coa recepción oficial que efectuou na Deputación de Lugo, da que José Tomé é presidente, a D. Carlos Fitz-James Stuart y Martínez de Irujo, XXIII Conde de Lemos e XIX Duque de Alba.
O slcalde animou así a delegación de deportistas monfortinos na súa nova participación nos Xogos do Eixo Atlántico: “estou seguro que o farán coa ilusión e ambición de acadar o mellor dos resultados”.
Os deportistas monfortinos competirán nas modalidades de baloncesto (feminino e masculino), fútbol 7 (masculino), voleibol (feminino), atletismo (masculino) e natación (feminina e masculina). “Dende Monforte agardamos que colleiten novos éxitos para a nosa cidade, como na pasada edición, na que conseguiron a medalla de prata en voleibol”, destacou o rexedor monfortino.
As modalidades deportivas nas que se competirán en xeral nos Xogos son balonmán feminino e masculino, voleibol feminino, baloncesto masculino e feminino, natación e natación adaptada, atletismo e atletismo adaptado. Como novidade desta edición, ao Fútbol 7 masculino súmase Fútbol 7 feminino. Nesta ocasión as competicións desenvolveranse paralelamente en Vila Nova de Famalicão e Braga, as dúas cidades organizadoras dos XV Xogos do Eixo Atlántico.
Como vén sendo habitual nos Xogos do Eixo Atlántico, esta edición tamén integra modalidades de deporte adaptado, coa participación de case 200 persoas, en liña coa filosofía do Eixo Atlántico de eliminar barreiras e fomentar a participación deportiva de toda a cidadanía.
Está previsto que á inauguración, que terá lugar hoxe domingo 30 pola tarde asistan, en representación do Alcalde de Monforte, a Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán.
José Tomé concluíu desexando que “estra 15ª edición dos Xogos do Eixo sexa todo un éxito e que os centos de mozos e mozas de Galicia e o Norte de Portugal, e por suposto de Monforte, que compiten, que o fagan dende os valores do deporte, do o esforzo e o compañeirismo. Sorte a todos, e esperámolos de volta o día 5 coa alegría de haber participado nunha competición deste nivel”.