Un dos obxectivos prioritarios do programa de Katy Varela é o deseño e execución dun Plan Integral da auga
A candidata do PP á alcaldía de Monforte, Katy Varela, destacou que no programa electoral do PP figura “o deseño e execución dun Plan Integral da auga”, que solucione as deficiencias no abastecemento e axude a mellorar o estado do río, despois de visitar os veciños de varios barrios.
A xestión do ciclo da auga, segundo lembra Varela, é unha das competencias propias, fundamentais, que ten o Concello. Varela explica: “No barrio da estación tiveron problemas coa subministración de auga. Nos últimos meses, houbo gran número de avarías na rede. Os veciños quéixanse de que a auga ten pouca presión, o que crea molestias”.
Reunión co tecido empresarial
Por outra banda, Katy Varela mantivo esta semana unha reunión co tecido empresarial monfortino, onde destacou o apoio ao sector empresarial como un punto fundamental no seu programa: “Sen empresarios e sen emprendedores que arriscan para que sacar adiante un proxecto non habería riqueza nin tanta creación de emprego”.
Neste sentido, a alcaldable propuxo a unión de diferentes sectores para ter un tecido empresarial forte que permita relanzar a cidade economicamente e o asentamento da poboación. Dous obxectivos que marcou como “prioritarios” no seu proxecto.