Un dos obxectivos do alcalde de Chantada se sae reelixido nas eleccións será o de aumentar o solo industrial

RibeiraSacraXa
Un dos obxectivos do alcalde de Chantada se sae reelixido nas eleccións será o de aumentar o solo industrial
PP Chantada
7 Maio 2023

Manuel Lorenzo volve presentarse como alcaldable do PP nas vindeiras eleccións locais que se celebrarán o próximo día 28 cunha lista que conserva practicamente sen cambios o núcleo doactual goberno e que se presentou nun acto público.

Desde a agrupación popular defenden que a candidatura mestura a experiencia que representan os que xa formaron parte do goberno local coa frescura das novas incorporacións, mozos e mozas dispostos a traballar arreo por Chantada.

É unha lista, segundo sinala Manuel Lorenzo Varela, "amplamente representativa tanto da vila como das parroquias, deseñada para avanzar no desenvolvemento do proxecto popular para este concello".

Propostas

O candidato a repetir na Alcaldía di que un dos obxectivos para o próximo mandato é a ampliación do solo industrial, para o que xa está en elaboración un estudo. O alcaldable destaca que lle gustaría que o novo solo industrial estivera nas inmediacións da N-540, para que servira como escaparate da industria chantadina.

En materia de estradas, Manuel Lorenzo Varela quere que o próximo mandato quede completada a pavimentación con aglomerado asfáltico de toda a rede municipal. Desta maneira, a calidade das vías é moito máis alta e o Concello verá reducido o gasto en mantemento. Explica que neste momento están en marcha obras viarias correspondentes a varias anualidades, porque as dos anos 2021 e 2022 víronse retrasadas porque inicialmente quedaron desertas e foi preciso incrementar en case un 30% os orzamentos.

Aludiu tamén as obras da biblioteca, que logo entrarán na segunda fase, e a compra dun edificio para rehabilitalo como ampliación dos espazos administrativos do Concello.

Igualmente, os membros da lista popular traballarán para conseguir unha nova zona deportiva, con campo de fútbol e pistas de atletismo.

Pola súa parte, José Manuel Barreiro, que tamén participou no acto, puxo en valor a capacidade de xestión do candidato á Alcaldía e lembrou o tesón co que defende os intereses de Chantada, no só como responsable do Concello senón tamén na súa condición de senador.

A lista da candidatura está formada por 12 persoas ademais do alcaldable, que son Manuel Diéguez Carballo, María Cándida Carnero Blanco, Diego Otero Veiga, Pamela Fernández Águila, Juan Alberto Diéguez Fernández, Belén Vázquez Caseiro, Luis Fernández Francisco, Patricia Vila Lamazares, Iván Quintana Vázquez, Rosa María Eiriz López, Ana González Vilela e Ramón Fernández Reinoso.

0.091370820999146