Un derrube de terra provocado polas intensas chuvias obriga a cortar a LU-P-4103 en Pantón

A Deputación informa de que estrada provincial LU-P-4103, ao seu paso polo concello de Pantón, permanece pechada ao tráfico a causa dun derrube de terra dunha ladeira provocado polas intensas chuvias rexistradas nos últimos días.
O desprendemento, explican dende a institución provincial, produciuse no quilómetro 12 desta vía, que comunica Ferreira de Pantón co encoro de Santo Estevo, o que obrigou a interromper a circulación para garantir a seguridade dos usuarios. Ata o lugar desprazouse persoal técnico e maquinaria co obxectivo de avaliar a situación e iniciar os traballos necesarios para a retirada do material desprendido e a estabilización da ladeira afectada.
Porén, mentres non se restableza a normalidade na circulación, a Deputación terá habilitados itinerarios alternativos debidamente sinalizados. Dende o organismo provincial piden á veciñanza e ás persoas usuarias da vía que extremen a precaución e respecten a sinalización provisional instalada.
Este non é o punto afectada na provincia polas intensas choivas. A día de hoxe, permanecen pechadas ao tráfico a a LU-P-3204, no concello de Monforte de Lemos; a LU-P-4703, na Pobra do Brollón, a LU-P-0901, en Bóveda, o tramo vello da LU-P-3501, en Navia de Suarna, e a LU-P-6502, no concello de Muras.
A Deputación mantén un seguimento permanente da situación e continúa traballando para recuperar a circulación nestas vías no menor tempo posible, sempre que as condicións meteorolóxicas e de seguridade o permitan.