Un curso de verán arredor da ficción fantástica da USC desenvolverase en Monforte

RibeiraSacraXa
O curso congregará a investigadores e creadores, a fin de ofrecer un panorama actual e actualizado das diversas tipoloxías do fantástico
Fancine-Lemos
18 Xuño 2024

O Concello de Monforte colabora nunha nova acción formativa coa Universidade de Santiago de Compostela, en concreto un curso de verán arredor da ficción fantástica.

Deste xeito, coincidindo co festival FanCine de Monforte de Lemos, a USC organiza un curso de verán que congregará a investigadores e creadores, a fin de ofrecer un panorama actual e actualizado das diversas tipoloxías do fantástico (marabilloso, distópico, intrigas insólitas, terror fantasmagórico...) da cultura contemporánea, con especial foco nas producións galegas.

'A ficción fantástica: permanencia e mutación na cultura contemporánea' é o título que idearon os directores Xaquín Núñez (Universidade do Minho-Braga) e Zósimo López (Universidade de Santiago de Compostela) para o curso que se desenvolverá no salón de actos da Casa da Cultura do concello monfortino.

As datas deste curso está fixadas dende o 3 ao 5 de xullo de 2024 en horario de mañá. Tanto os días como as horas están pensadas para que este curso da universidade de verán da USC poida complementarse co festival de cine fantástico.

A este curso achegaranse figuras como Paula Carballeira (Premio Nacional de Literatura Dramática en 2023), Raquel Velázquez (Grupo de estudios sobre lo fantástico) da Universidade Autónoma de Barcelona ou María López Sández, escritora e académica da Real Academia Galega. Nesta primeira edición, a literatura fantástica en lingua portuguesa terá un papel relevante. As profesoras Carmen Villarino (USC), Felisa Rodríguez (USC) e o profesor Sergio Guimarães (UMinho) achegarán unha visión da produción literaria de xénero fantástico en Brasil, Angola e Portugal.

A creación fantástica galega estará representada, entre outros, por Iago Casas que falará sobre o monstro na literatura galega e Alba Rozas profesora universitaria (USAL) e editora de libros de ficción. Dentro da creación fantástica non só se tratará a literatura senón outras linguaxes coma a banda deseñada (co ilustrador Tomás Guerrero), o audiovisual (co profesor da UMinho, Xaquín Núñez) A data límite para matricularse neste curso remata o 21 de xuño.

0.1739809513092