Un cento de rapaces da provincia de Ourense participaron esta fin de semana no programa EsquiOU en Manzaneda
O programa EsquiOU, unha iniciativa da Deputación de Ourense para que nenos e nenas da provincia aprendan a esquiar na única estación de montaña de Galicia, Manzaneda, continúa o seu éxito coa segunda quenda de rapaces da provincia. Un cento de nenos das comarcas de O Ribeiro e O Carballiño inician hoxe a súa aventura de esquí, piscina e xogos na estación de montaña, trala finalización da quenda dos menores de Celanova e Baixa Limia que xa gozaron das actividades do proxecto de promoción de ocio saudable.
Os rapaces que comezan hoxe as actividades do EsquiOU desfrutarán dunha estancia de tres días e dúas noites, en réxime de pensión completa, dun curso de esquí e doutras actividades complementarias na estación de montaña Manzaneda. Un total de 105 nenos forman parte desta segunda quenda, na que desfrutarán de piscina, xogos lúdicos en interior e exterior e ata un momento nocturno de ocio na discoteca da estación de montaña.
O programa EsquiOU reforzou este ano a súa aposta, superando por primeira vez a barreira das mil prazas (1.050), cubríndose as quendas en apenas uns días. Ademais, tamén se apostou pola inclusión social, ao incorporar prazas para menores con discapacidade, unha novidade que tivo unha boa resposta das familias. O obxectivo é que estes rapaces poidan acceder ao deporte a diversión, sen barreiras de ningún tipo. O total de prazas está dividido en 10 quendas de 105 prazas cada unha.
A seguinte quenda será do 3 de febreiro ao 5 de febreiro, para os rapaces de Verín e Viana. Continuarán do 10 ao 12 de febreiro, Valdeorras; do 17 ao 19 de febreiro, Allariz-Maceda-A Limia; do 24 ao 26 de febreiro, Terra de Caldelas e Terra de Trives; do 3 ao 5 de marzo, Ourense; do 10 ao 12 de marzo, Ourense rural: do 17 ao 19 de marzo, segunda quenda da zona de Ourense e, por último, do 24 ao 26 de marzo, a segunda quenda de Ourense rural.