Un carballo en Friol e varios teixos en Quiroga e Folgoso son novas árbores senlleiras

TerraChaXa | LugoXa | RibeiraSacraXa
O 21 de marzo foi declarado pola ONU Día Internacional dos Bosques, coñecido tamén como o Día da Árbore.
arbores senlleiras lugo
21 Mar 2024

O 21 de marzo foi declarado pola ONU Día Internacional dos Bosques, coñecido tamén como o Día da Árbore. Os bosques son fundamentais para regular a temperatura, almacenar carbono, manter a biodiversidade e outros moitos servizos ecosistémicos imprescindíbeis para as sociedades humanas.

En Galiza, só determinadas árbores e formacións senlleiras gozan de protección no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras. Porén, este Catálogo non está á altura do inmenso patrimonio forestal que acubilla o noso país, mesmo considerando que un bosque non é o mesmo que unha plantación forestal. As 168 árbores e 44 formacións forestais representan unha ínfima parte dun enorme acervo natural e cultural que cómpre coidar e acrecentar, malia ao desleixo institucional e ao arboricidio sistemático practicado por algúns concellos.

12 novas propostas de árbores e formacións senlleiras

ADEGA vén de trasladar ao Comité das Árbores Senlleiras 12 propostas de nova inclusión para a protección doutras tantas árbores e formacións senlleiras. Trátase de exemplares superlativos que na maioría dos casos unen as súas excepcionais características dendrométricas ou rareza cun destacado valor etnográfico e patrimonial. Son monumentos vivos que cómpre coidar e preservar polo seu valor intrínseco mais tamén como patrimonio para as xeracións vindeiras.

A proposta está integrada por un ameneiro (río Loira, Marín); unha araucaria (pazo de Lourizán, Pontevedra); un bidueiro (lago Castiñeiras, Marín); a Carballeira de Brandeso (Arzúa); un carballo e un cerquiño (Cerracín, Friol e Santigoso, A Mezquita); tres castiñeiros (souto do Mola, A Mezquita, Pexeiros 1 e 2, Os Blancos); un eucalipto robusto (O Campo, Marín); e varios teixos (Vilarbacú, Quiroga e Noceda, Folgoso do Courel).

Todos estes exemplares son verdadeiramente excepcionais, destacando ben pola súa idade (os máis de 500 anos do Castiñeiro do Mola), o seu porte, caso do eucalipto robusto (Eucalyptus robusta Sm.) do Campo en Marín, o de maiores dimensións desta especie en Europa, ou o bidueiro do lago de Castiñeiras, tamén en Marín, posibelmente o maior de Galiza; ou tamén o teixo de Vilarbacú (na imaxe), o de maior circunferencia de Galiza.

Con estas propostas, dende ADEGA queremos facer un chamado á necesidade de conservar este patrimonio, tan frecuentemente esquecido e maltratado, e cuxa conservación dá tamén unha medida do grao de civilización dunha sociedade.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18026995658875