Un alumno do IES Río Cabe de Monforte é subcampión da VIII edición do Concurso Talento en Bolsa
Miguel Vega, un alumno do IES Río Cabe de Monforte conseguiu o segundo posto no VIII Concurso Talento en Bolsa que se desenvolveu desde o pasado 18 de outubro ata o 20 de decembro.
Ao longo do xogo da bolsa, que está dirixido a alumnado de primeiro e segundo de bacharelato, os participantes competiron entre si para tentar obter a maior rendibilidade e a carteira de investimento mellor valorada ao final do prazo, seguindo os parámetros reais do mercado bolsista español.
Desta forma, os 600 alumnos de bacharelato de toda España que participaron na edición deste ano deberon obter a máxima rendibilidade dun capital ficticio de 30.000 euros co que partían ao comezo deste xogo.
Neste sentido, e segundo recollían as bases do concurso, os 'bróker' ficticios puideron realizar as operacións que considerasen oportunas coa cantidade que tiñan asignada en valores do Ibex35 e do Mercado Continuo Español.
O primeiro clasificado obtivo unha rendibilidade do 49%, recaendo a segunda posición en Miguel Vega López, alumno do IES Río Cabe, cunha rendibilidade do 36,87 %, quen recibiu unha tarxeta de 250 euros para gastar en Amazon, unha bolsa do 50% para cursar un grao ou un máster universitario no Instituto de Estudios Bursátiles (IEB) e un diploma acreditativo do posto alcanzado.
O concurso
O concurso, que ten como patrocinadores a Renta4banco e ao Instituto de Estudios Bursátiles (IEB), forma parte do Plan de Educación Financeira elaborado pola Comisión Nacional del Mercado de Valores (CNMV) e o Banco de España.
O obxectivo desta proba é buscar e premiar o talento sostible do alumnado de primeiro e segundo de bacharelato e demostrar que os investimentos en Bolsa poden ser sostibles, seguros, socialmente responsables e que axuden a xerar coñecemento real das finanzas.
Ademais, con este concurso preténdese contribuír á mellora da cultura financeira do alumnado de bacharelato, dotándolles de ferramentas, habilidades e coñecementos para adoptar decisións financeiras informadas e apropiadas ao longo da súa vida.