Ultiman os detalles de seguridade para a XL Feira do Viño e XXII Mostra do Aceite de Quiroga

RibeiraSacraXa
Isabel Rodríguez y Julio Álvarez presidieron el encuentro de seguridad para la Feira do viño y la Mostra de aceite de Quiroga.
xunta local seguridade quiroga
8 Apr 2022

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez e o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, presidiron a Xunta Local de Seguridade que analizou os dispositivos preparados para velar pola seguridade durante dous eventos que se van celebrar neste concello e aos que está prevista a afluencia de numerosas persoas. Trátase da XL edición da Feira do Viño, que terá lugar do venres 15 ao domingo 17 de abril, así como dos preparativos para a celebración da XXII Mostra do Aceite.

A Xunta Local de Seguridade examinou as previsións existentes para os dous eventos, así como os lugares que poden resultar máis conflitivos pola posible aglomeración de persoas e vehículos, polo que se coordinou o labor que desenvolverán os distintos corpos de seguridade e de emerxencia para previr incidencias con motivo destes eventos. Na xuntanza, celebrada na Casa do Concello participaron, ademais da subdelegada do Goberno e o alcalde, responsables de Seguridade do Concello, da Garda Civil e o Subsector de Tráfico, a Policía Local e a Policía Autonómica.

Precisamente a Policía Local tamén mostrou os datos das súas intervencións durante o pasado ano. Dos datos presentados despréndese que aumentaron as denuncias de tráfico (51), os controles nos que se requiriu a documentación aos condutores (57 intervencións) e a mediación entre cidadáns (11). Os apoios a outros organismos e ao cidadán como en temas de accidentes, actos relixiosos, apoios a colexios ou accidentes mantivéronse nos mesmos niveis de anos anteriores

Como se puxo de manifesto na xuntanza, a criminalidade no Concello de Quiroga permanece en taxas por debaixo da media provincial, que a súa vez é inferior á media galega e a de España. Así, en 2021 a taxa foi en Quiroga de 13,65‰, o que supón 9 puntos menos que a media provincial (24,6‰), e moito menos que a media de Galicia (32,7‰) e de España (41,3‰).

Segundo as estatísticas da Garda Civil, en 2021 rexistráronse en Quiroga un total de 43 infraccións penais, das que 22 foron por delitos graves ou menos graves e 21 delitos leves. Esta cifra supón que a delincuencia experimentou un incremento lixeiro con respecto ao ano anterior, cando se produciran 4 menos. O número de delitos graves e menos graves (22) non variou respecto ao ano anterior. O aumento rexistrouse na cifra de delitos leves, que pasou de 17 a 21.

A subdelegada deu conta tamén da situación da violencia de xénero neste concello, que se mantén estable nos dous últimos anos. En 2021 houbo un total de 3 denuncias por violencia de xénero, a mesma cifra que se rexistrara no ano 2020. No que levamos de 2022, ata o 31 de marzo, hai 1 denuncia por este motivo.

A ampliación do Ano Santo Xacobeo a 2022 e a melloría na situación sanitaria fan prever que este será un ano de gran afluencia de peregrinos polas distintas rutas do Camiño de Santiago, polo que a Garda Civil despregará o Plan de Seguridade Ano Santo Xacobeo 2022. No caso de Quiroga centrarase na protección dos peregrinos que se dirixan a Santiago a través do Camiño de Inverno.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.084106922149658