Trescentas persoas percorreron Chantada na II San Silvestre no Corazón de Galicia

RibeiraSacraXa
A cita dobrou o número de corredores do ano pasado e dende a organización aseguran que a cita regresará o próximo ano
san-silvestre-chantada
29 Dec 2025

A “II San Silvestre no Corazón de Galicia”, celebrada este sábado en Chantada foi todo un éxito, segundo afirman dende o Concello. A participación alcanzou as 300 persoas, o dobre que o ano pasado, e houbo máis corredores disfrazados que en 2025, segundo a organización.

Desde o Concello quixeron agradecer a participación de corredoras e corredores, tanto pequenos como grandes, así como o traballo dos voluntarios, colaboradores, a organización, o speaker Hernán e CCNorte, que contribuíron a facer posible esta festa do deporte que terá continuidade o vindeiro ano.

Na categoría masculina, Rubén Ríos foi o primeiro clasificado, seguido de Xabier Díaz e Modesto Rouco. Na categoría feminina, Tamara García conseguiu o primeiro posto, seguida de María Jesús Conde e Patricia Montoto.

Entre a rapazada de 6 a 12 anos, nos rapaces o gañador foi Nicolás Méndez, segundo Alexandre Costa e terceiro Mateo Gayol, mentres que nas rapazas o podio estivo composto por Ariadna Rodríguez Conde, Nadia Boo e Leyla López.

En canto aos disfraces, o mellor individual foi para Raquel Rodríguez, seguida de Siria e Adrián L. Baltar. O mellor disfrace por equipos recaeu en “Os nenos runners de San Ildefonso”, seguidos por “Cidade Fluvial de Lugo” e “Fodechinchos”.

Para os máis pequenos, a cativada de 4 a 6 anos recibiu medalla por participar, sumándose á festa e ao espírito deportivo da carreira.

⚙ Configurar cookies
0.075702905654907