Tres persoas poderán optar ás Bolsas Culturais Internacionais 'Pintor de Castinandi' do Concello de Sober

RibeiraSacraXa
Tres persoas poderán optar ás Bolsas Culturais Internacionais 'Pintor de Castinandi' do Concello de Sober de diferentes ramas
Beca Gallego Sober
27 Xuño 2023

O Concello de Sober convoca tres Bolsas Culturais Internacionais ‘Pintor de Castinandi’ para o verán 2023 para asistir de maneira gratuíta a un dos tres talleres de verán que organiza o proxecto cultural ‘La Plantación’ en cada disciplina.

O taller de fotografía celebrarase do 9 ao 14 de xullo co recoñecido fotógrafo Alberto García-Alix, mentres que o de pensamento celebrarase do 23 ao 28 de xullo co escritor, músico e poeta Ramón Andrés. Con respecto ao de cinema, este celebrarase do 30 de xullo ao 4 de agosto co cineasta Pedro Costa. Os tres levaranse a cabo na localidade de Rosense, na Casa Grande, en Sober.

O obxectivo por parte do Concello de Sober é impulsar o crecemento cultural a nivel internacional, fomentar o estudo e facilitar o desenvolvemento persoal das tres persoas que consigan a bolsa para acudir a estes tres talleres

Bolsas ‘Pintor de Castinandi’

Son formacións culturais internacionais, destinadas a persoas de ata 40 anos, cun valor de 795 euros, que organiza 'A Plantación. Encontros e Coñecemento', un proxecto cultural feito desde Galicia, onde se cultivan e comparten experiencias arredor de distintas artes.

O método de traballo consiste en propoñer encontros abertos entre un autor e calquera persoa que estea interesada (profesional e non profesional) co obxectivo de reflexionar sobre proxectos e intereses creativos.

Mediante esta convocatoria, o Concello de Sober busca a tres persoas con inquietudes artísticas e culturais e coa necesidade de seguir formándose, polo que deberán enviar unha mostra do seu traballo persoal (dossier), relacionado coa especialidade en que soliciten a bolsa.

0.14716506004333