Tres empresas interesadas nas obras de mellora da LU-651 entre Ferrería Vella e Seoane do Courel
Tres empresas presentaron as súas ofertas á Xunta para a realización das obras de mellora da estrada entre Ferrería Vella e Seoane do Courel LU-651 que suporá o investimento de 3,4 millóns de euros.
Trátase da primeira fase da actuación proxectada de acondicionamento desta vía autonómica que conecta o núcleo de Quiroga co de Seoane do Courel, no tramo de 14 quilómetros entre Folgoso e Seoane do Courel, no concello de Folgoso.
A previsión é comezar as obras a finais da primavera tendo un prazo de execución de 12 meses, facendo os traballos máis importantes durante o verán co fin de non entorpecer o camiño ao CP Uxío Novoneyra.
AS ACTUACIÓNS PROXECTADAS
Trátase de realizar unha intervención na estrada que compatibilice a mellora da súa funcionalidade e da seguridade viaria cos valores ambientais e paisaxísticos do seu percorrido. Case o 80% do treito considerado son curvas e a recta máis longa é de tan só 96 metros de lonxitude.
As obras prevén a ampliación da plataforma da estrada, permitindo en todo momento asegurar dous carrís de circulación cun mínimo de 3 metros de anchura, con beiravías, agás naqueles puntos onde exista cuneta de seguridade. Para isto, será necesario ampliar 11 pontóns, conservando os muros existentes para minimizar a afección desde o punto de vista ambiental.
No proxecto de ampliación inclúese a execución dunha senda entre o núcleo de Folgoso do Courel e a área recreativa de Traspano-Os Alvares, e a implantación de gabias de seguridade transitables de 90 cm de ancho, que permitan mellorar a seguridade viaria e a drenaxe da plataforma.
Tamén se renovarán os sistemas de contención de vehículos, executaranse cunetas de seguridade e renovarase a rede de drenaxe lonxitudinal e transversal. Ademais, construiranse 19 muros de contención, realizaranse traballos de sostemento de terras e rehabilitarase o firme en todo o treito obxecto das obras.
No marco deste proxecto, prevese tamén habilitar un aparcadoiro para autobuses no entorno de Seoane do Courel, adxacente á parcela na que se localizan actualmente os servizos de Protección Civil