Tres cursos sobre aplicación de produtos fitosanitarios no Centro Agroforestal de Monforte

RibeiraSacraXa
A Consellería do Medio Rural -a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria- ten previsto celebrar no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte de Lemos ata tres cursos sobre aplicación de produtos fitosanitarios.
maquina fitosanitarios
21 Maio 2022

A Consellería do Medio Rural -a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria- ten previsto celebrar no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte de Lemos ata tres cursos sobre aplicación de produtos fitosanitarios. O primeiro constará de 27 horas lectivas e os outros dous serán senllas xornadas de 6 horas de duración cada unha.

Así, o vindeiro xoves 26 de maio dará comezo unha formación semipresencial para obter o carné de aplicador de nivel básico, que levará aos alumnos ao Centro de Formación e Experimentación Agroforestal os días 6 e 9 de xuño. O obxectivo é que os participantes adquiran coñecementos sobre o uso sostible dos produtos fitosanitarios así como sobre o seu manexo e aplicación de acordo coa normativa ao respecto, para que poidan exercer esta actividade en Galicia e no resto de España.

No programa constan contidos sobre pragas e enfermidades dos cultivos e sobre os métodos de control máis axeitados, sobre os distintos produtos fitosanitarios e sobre a súa secuencia correcta de transporte, almacenamento, manipulación e aplicación. Tamén se incidirá en conceptos como a perigosidade dos produtos fitosanitarios para a saúde das persoas, a súa dosificación, os equipos apropiados para a súa aplicación e a normativa relacionada, ademais das estratexias e técnicas para a xestión integrada de pragas.

Canto ás xornadas, o venres 27 de maio haberá unha sobre o emprego de drons para a aplicación de tratamentos fitosanitarios no viñedo e o sábado 28 outra orientada á aplicación en oliveiras e froiteiras, ambas con horario de 9.00 a 15.00 horas. O obxectivo nestes casos é reducir a cantidade de fitosanitarios tanto en cultivo convencional como en ecolóxico, comparando o custo da aplicación con atomizador co do dron e mesmo cunha demostración práctica de como efectuar o tratamento cos vehículos non tripulados.

Entre os contidos programáticos de ambas xornadas, consta a regulación e normativa para o uso de drons, a redución do consumo de auga na preparación do caldo na aplicación de fitosanitarios e as principais pragas e enfermidades nas viñas ou nas oliveiras e froiteiras, segundo o caso.

ASISTENTES

Estas iniciativas están dirixidas en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma estes.

PREINSCRICIÓN

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina poden atoparse os referidos cursos e descargar as solicitudes de preinscrición correspondentes, que deben remitirse cubertas en calquera dos casos ao enderezo electrónico ceca.monforte@edu.xunta.gal. Os interesados en obter información adicional poden chamar ao teléfono 982 889 103.

0.15165495872498