Tres concursos dixitais para celebrar o Entroido no Saviñao
O Saviñao terá este ano un Entroido dixital, sumándose así a este novidoso xeito de festexar sen correr riscos por mor da covid-19. E, neste caso, faino convocando tres concursos, nas categorías de fotografía, vídeo e receitas.
Na categoría de fotografía, as persoas interesadas en participar deberán enviar unha imaxe disfrazados. Pode ser un disfraz individual ou en grupo, sempre que sexa entre convivintes.
Para a categoría de vídeo poden presentarse creacións cun máximo de 1.30 minutos de duración. Recoméndase que as gravacións sexan o máis creativas posible e pode empregarse calquera aplicación.
Por último, no tocante ás receitas, deberán presentarse imaxes dalgún doce típico do Entroido, como as orellas, as torradas, os freixós ou calquera outro.
As fotografías e vídeos remitiranse ao correo concelleriadecultura@concellodosavinao.net, indicando os datos persoais e de contacto do participante. O prazo de presentación dos traballos remata o vindeiro luns 15 de febreiro, ás 20.00 horas.
Ao día seguinte, Martes de Entroido, as creacións presentadas subiranse ao facebook do Concello do Saviñao e aquelas que máis 'gústame' consigan, en cada categoría, ata o venres 19 ás 14.00 horas, serán as vencedoras.
Os gañadores recibirá vales de 50 euros para gastar en establecementos do municipio. Sortearanse ademais, entre todos os participantes, outros tres vales de 30 euros para mercar tamén no comercio local.
A edil de Cultura do Saviñao, Beatriz Rois, anima aos veciños e veciñas a participar, pois “son datas moi significativas e, ademais, pode ser unha maneira de esquecernos da situación creada pola pandemia”.