Trémola Teatro levará este venres a Chantada o contacontos teatralizado “Imos ao recreo”

O Concello de Chantada, través do Centro de Información á Muller, continúa co seu programa de actividades para conmemorar o 8M. Así, este venres, 14 de marzo, ás 18.00 horas na Biblioteca Municipal, haberá unha sesión de contacontos teatralizado sobre igualdade, onde Trémola Teatro presentará “Imos ao recreo”, unha proposta de xogos sen xénero.
A finais de mes, tamén se levarán sesións de contacontos aos dous centros de ensino da vila, o Xoán de Requeixo e o Eloísa Rivadulla.
Seguindo coa programación do 8M, o día 20 de marzo inaugurarase na igrexa nova de Chantada a exposición, Coreografías do Facer. A mostra cedida polo Museo do Pobo Galego, ofrece imaxes do traballo feminino en Gustav Henningsen, folclorista e antropólogo danés que entre os anos 1965 e 68 percorreu as vilas e aldeas galegas recompilando documentación fotográfica e oral onde as mulleres teñen grande protagonismo.
O 21 de marzo ás 19.30 horas o Auditorio Municipal de Chantada acollerá a III Mesa Coloquio do 8M, onde se dan cita un interesante grupo de mulleres vencelladas a Chantada. Nesta ocasión o colectivo escollido foi o da muller investigadora, unha profesión ás veces descoñecida e non sempre valorada. Para repasar inquedanzas, facilidades e/ou dificultades profesionais e persoais derivadas da súa carreira investigadora, intervirán Tamara González López, Doutora en Historia, Tania Vázquez García, Investigadora Filoloxía Galega, Rosa Montes Goyanes, Doutora en Química, Cristina Fente Sampayo, Doutora en Bioquímica y Paula López Pérez. Doutora en Enxeñaría Biomédica.
A programación para celebrar o 8M en Chantada completarase o día 23 de abril coa Xincana pola Igualdade na que participarán os colexios, Xoán de Requeixo e Eloísa Rivadulla.