Tomé pon en valor a Torre da Homenaxe de Monforte dentro da rede de Castelos e Pazos Turísticos de España
O alcalde Monforte de Lemos, José Tomé, levou a cabo este venres unha visita institucional ao stand da Asociación Castillos y Palacios de España, á que pertence o Concello de Monforte de Lemos, a través da Torre da Homenaxe.
Deste xeito, José Tomé mantivo un encontro de traballo co presidente de dita Asociación, Javier Fitz-James Stuart, e co secretario da mesma, cos que departiu sobre a oferta e o potencial turístico de Monforte e da Ribeira Sacra.
Desta forma, José Tomé resaltou “a potencialidade da Torre da Homenaxe, un dos emblemas máis selleiros da cidade de Monforte que se erixe na cima do val de Lemos presidindo o Conxunto monumental de San Vicente do Pino, e que ademais é un miradoiro privilexiado, e lugar de visita por excelencia de todos os que se achegan á nosa cidade”.