Tomé inaugura o I Simposio Internacional de Odontoloxía en Sober
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, deu a benvida aos 200 profesionais que reúne o I Simposio Internacional de Odontoloxía, que organizan na Ribeira Sacra os Ilustres Colexios de Odontoloxía e Estomatoloxía de Lugo, A Coruña, Pontevedra e Ourense en colaboración con Galimplant e Endogal.
A cita conta coa participación de oito relatores de máximo nivel nacional e internacional para abordar diferentes aspectos, tanto teóricos como clínicos en odontoloxía. No acto inaugural, que tivo lugar no hotel Áurea Palacio de Sober, José Tomé dirixiuse aos profesionais, especialmente a aqueles que “visitan por primeira vez este marabilloso lugar das xeografía galega que é a Ribeira Sacra”.
O mandatario provincial agradeceu ás entidades organizadoras e ás empresas que colaboran neste por ubicar unha cita de primeiro nivel na provincia de Lugo, no municipio de Sober. “Decisións coma esta confírmannos que, á marxe do recoñecemento oficial -que chegará sen dúbida-, a Ribeira Sacra, ademais de Reserva da Biosfera, é xa un enclave patrimonio da humanidade, cada vez máis apreciado e recoñecido dentro e fóra das fronteiras da nosa provincia”, subliñou.
O presidente sinalou que se trata dun “encontro en torno á saúde e o coñecemento” e que dende a Deputación “colaboran habitualmente cos colexios profesionais, garantes sempre da boa praxe nas súas respectivas disciplinas e ocupados por promover os avances e o mellor servizo, neste caso sanitario, ao conxunto da sociedade”.
Turismo pola Ribeira Sacra
A institución provincial colabora co simposio, que inclúe actividades lúdicas, como unha viaxe en catamarán polos Canóns do Sil e a visita a varias adegas da zona con experiencias enolóxicas. O presidente destacou que coa ruta fluvial, os asistentes ao congreso “terán a oportunidade de coñecer de primeira man a aposta que estamos promovendo desde a institución provincial: un modelo turístico propio, non masificado, centrado na calidade e no respecto ao entorno, que nos converte nun destino preferente no conxunto do mapa de rutas turísticas españolas”.
Os profesionais tamén realizarán visitas a varias adegas da zona nas que gozarán de experiencias enolóxicas e poñerán o colofón ao encontro cunha cea de confraternidade na que terán a ocasión de probar a rica e diversa gastronomía da zona. O tamén alcalde de Monforte desexou aos presentes un proveitoso simposio e unha feliz estancia, e animounos a aproveitar a oportunidade para coñecer a capital da Ribeira Sacra e seus grandes atractivos turísticos
“Agardo que as impresionantes paisaxes dos canóns do Sil, os extraordinarios viños da nosa terra e, sobre todo, a calidade humana dos nosos veciños e veciñas, os deixe con gañas de volver moitas veces para seguir coñecendo a provincia de Lugo”, concluíu José Tomé.
No acto de apertura participaron tamén a presidenta e secretaria do Colexio de Odontólogos de Lugo, María Núñez Otero e Iria Sabela Gómez; a presidenta do Colexio de dentistas de Pontevedra e Ourense; Adriana Sanz Marchena; un representante das empresas Galimplant e Endogal, Benjamín Martín; o presidente do Consello Galego de Odontólogos, José María Suárez Quintanilla; e o alcalde de Sober, Luis Fernández.