Tomé homenaxea ós piragüistas do Club Quixós
O acto que tivo lugar no Salón de Plenos da Casa do Concello serviu para render tributo a oito atletas do Club Quixós polos éxitos acadados nos campionatos de España (Slalom Jóvenes Promesas e Campionato por Federacións Autonómicas de Patrullas ) e de Europa (Augas Bravas Junior e Sub 23).
No acto de recoñecemento, o alcalde estivo acompañado polos oito deportistas homenaxeados, o concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, o técnico de Deportes, Óscar Rodríguez, así como familiares e representantes do Club Quixós de piragüismo. Os atletas recibiron un trofeo individual personalizado en recordo dos éxitos acadados en cada caso.
O rexedor monfortino tamén fixo entrega dun trofeo conmemorativo para o Clube, unha réplica da Ponte Vella, que recolleu o presidente do Quixós, Iván Gutiérrez, e o seu director deportivo, Santi Díaz.
Os resultados máis destacados acadados polos atletas do Club Quixós, e polos que foron homenaxeados foron o Campionato de Europa de Augas Bravas Junior e Sub 23.
Os deportistas do Quixós que participaron neste Campionato coa Selección Española de Piragüismo foron Efrén Álvarez Vázquez, Gabriel Rodríguez López, Nerea Gutierrez Ontiveros e Noa Díaz Quintián.
Estes deportistas representaron a España participando nunha gran cantidade de probas coma o Campionato de España de Slalom Jóvenes Promesas-Campionato por Federacións Autonómicas de Patrullas.
Neste Campionato de España participaron os seguintes deportistas do Club Quixós: Diego Expósito Díaz, Jacobo Rodríguez López, Martín Prats Moreiras e Sara Inés Varela Cortiñas.
O alcalde, agradeceu os éxitos acadados xa que “serven para que Monforte estea moi ben representado na elite do deporte español, europeo e mundial”.
Por outra banda, Tomé tamén recordou que “dende o Equipo de Goberno puxemos en marcha no mes de setembro unha nova liña de axudas dotada con 12.000 euros, e destinadas a axudar ós clubs monfortinos que participen en campionatos de España, de Europa ou do Mundo durante o ano 2022”.
“Esta liña de axudas é independente da subvención nominativa que cada club ten asignada, e o obxectivo da mesma e contribuír a sufragar os gastos que lle supón a un club deportivo clasificarse para unha competición fora da Comunidade Autónoma e incluso fora de España e de Europa”, explicou o rexedor monfortino.
José Tomé concluíu o acto, animando ós deportistas a que “sigan traballando para acadar novos éxitos para o deporte monfortino, e agradeceu o apoio das súas familias, que tamén son peza fundamental na consecución destes logros”.