Tomé enxalza o traballo dos médicos de familia do rural na entrega da IV Beca de Medicina Rural Asomega-SEMG

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, participou este venres no acto de entrega da IV Beca de Medicina Rural ASOMEGA-SEMG, celebrado no Parador de Turismo da cidade, dentro do “Encontro de Verán de Asomega”, un evento consolidado como unha cita destacada da Asociación de Médicos Galegos.
Durante a súa intervención, o rexedor expresou a súa satisfacción por acoller en Monforte este tipo de eventos, destacando o seu valor tanto a nivel profesional como económico. “Non só traen coñecementos, senón que tamén xeran actividade económica e permítennos dar a coñecer o encanto da nosa terra”, sinalou. Tamén felicitou aos profesionais premiados, Sonia Isela Trejos, do Centro de Saúde de Manzaneda, e Carlos Moral, do Centro de Saúde de Chandrexa de Queixa, así como á Asociación de Médicos Galegos e á Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia “pola posta en valor da Medicina Rural que supón este acto”.
Tomé subliñou o compromiso do goberno local coa sanidade pública. “Dende o Equipo de Goberno deste Concello, mantemos un compromiso e unha aposta firmes pola Sanidade Pública. Porque cremos que os servizos públicos básicos, como é a Sanidade, son a garantía dos dereitos das persoas”.
O alcalde destacou a importancia do acto “por tratarse dunha cita que aborda un dos problemas máis importantes da nosa sociedade: como garantir a igualdade de oportunidades e dereitos no rural galego, neste caso centrándonos na saúde”. Ademais, respecto ao proxecto premiado, celebrou que o seu enfoque estea dirixido a fomentar a saúde no ámbito rural a través de accións interxeracionais e da recuperación de coñecementos tradicionais. Segundo indicou, este tipo de iniciativas contribúen a promover a lonxevidade e a cohesión social en zonas con poboación envellecida.
O acto contou coa presenza do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño; a presidenta da SEMG, Pilar Rodríguez Ledo; o presidente de Asomega, Julio Ancochea; e o presidente da SEMG Galicia, Albert Foo, entre outros representantes do ámbito sanitario.