Tomé destaca os valores do Camiño no inicio da peregrinación xacobea de Special Olympics desde Monforte
José Tomé Roca recibiu na praza do Concello ós participantes desta asociación que iniciaron hoxe a ruta cara a Santiago polo Camiño de Inverno.
O alcalde de Monforte e presidente da Deputación, José Tomé Roca, foi na maña de hoxe de recibir ós integrantes da asociación Special Olympics que iniciaron a peregrinación xacobea, e de darlles á saída dende o Campo de San Antonio, iniciando así a etapa correspondente á ruta do Camiño de Inverno.
No acto de benvida e de inicio desta etapa simbólica a través da cal percorrerán os peregrinos de Special Olympics a ruta xacobea, o alcalde estivo acompañado polo presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández, así como o vicepresidente desta asociación, Julio Cortiñas, a primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, entre outras autoridades.
Na súa intervención o alcalde manifestou que “é un pracer colaborar con Special Olympics, como vimos facendo habitualmente, e en concreto nesta ocasión, é un pracer que a nosa cidade sexa o punto de saída do percorrido que ides realizar polo camiño xacobeo que pasa por estas terras, o Camiño de Inverno.
Dende o Concello temos un compromiso firme co deporte, coa cultura, co patrimonio e coa espiritualidade, valores todos eles que se engloban no Camiño de Santiago e que, con actividades coma esta, queremos que tamén sexan os valores que o Camiño vos aporte”.
José Tomé, engadiu que “o camiño que estades a piques de iniciar, estou seguro de que servirá para que descubrades o encanto da nosa cidade, das nosas terras de Lemos e da Ribeira Sacra, da que Monforte é capital”.
O tamén presidente da Deputación resaltou o valor do deporte que “representa valores como o esforzo, a constancia, a vontade de superación, o compañeirismo e o respecto ós demais. E poucas organizacións traballan mellor arredor destes valores que Special Olympics, coa súa historia de loita pola inclusión. Unha loita”, engadiu José Tomé, “que concorda plenamente coas políticas sociais que desenvolvemos neste Concello de Monforte e dende a Deputación de Lugo, para dar visibilidade, para mellorar a calidade de vida e para a integración a todos os niveis das persoas con discapacidade”.
Neste senso, o Camiño de Inverno, e en xeral os diferentes Camiños de Santiago, acollen a participación de persoas de toda índole e condición, provintes de todos os recunchos do mundo e unidas por un obxectivo común, chegar á cidade do Apóstolo, a través do esforzo, da ilusión e da superación.
O alcalde concluíu a súa intervención felicitando ós participantes nesta ruta xacobea, así como ós seus adestradores, ás familias dos participantes e ós voluntarios, “pola vosa ilusión e polo voso esforzo, por dar un exemplo de afán por mellorar que nos sirve de estímulo a todos e todas. Quero transmitirvos todo o noso ánimo para que acadedes a meta que vos propuxestes ó iniciar este Camiño de Inverno, e que vos sirva para enchervos de folgos que vos permitan alcanzar aqueles obxectivos que vos propoñades nas vosas vidas”.
Logo das intervencións institucionais, o rexedor monfortino procedeu o corte da cinta inaugural, dando así o pistoletazo de saída dende Monforte ás rutas de peregrinaxe que Special Olympics levará a cabo, xa dende mañá, dende distintos puntos da provincia.
O evento desenvolverase ata o 3 de xullo a través dos 7 camiños oficiais, e que o último día incluirá unha xornada de convivencia que partirá do Monte do Gozo para facer a última etapa que rematará cun xantar de confraternización.
Na xornada de convivencia, a do último día, reuniranse preto de 1.000 persoas, das cales preto de 250 persoas serán da provincia de Lugo con participantes de Prodeme, de Monforte; CAPD, de Sarria; Aspnais, de Lugo; San Vicente de Paúl, de Lugo; Aspanane, de Viveiro; e San Pablo e San Lázaro, de Mondoñedo.
Esta peregrinación vén repetíndose dende o Xacobeo de 1992 co fin de favorecer a plena integración das persoas con discapacidade e visibilizar o traballo que promoven neste sentido organizacións como Special Olympics.