Tomé critica o anuncio da Xunta de crear un centro para menores estranxeiros na cidade e aclara que “o Concello nada tivo que ver”

RibeiraSacraXa
Recalca que Monforte é “unha cidade acolledora e aberta” pero insiste en que “é á Xunta a quen lle corresponde a tarefa de integrar social e laboralmente a estas persoas no conxunto do territorio, non só en Monforte”.
jose-tome-psoe-lugo
15 Sep 2025

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, manifestou a súa “sorpresa e malestar” tras o anuncio realizado este fin de semana pola conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, sobre a construción dun centro específico para menores estranxeiros na cidade.

O rexedor critica con dureza que a visita se realizase sen avisar ao Concello, o que considera “unha falta de respecto institucional”, e anuncia que presentará unha queixa formal á Xunta de Galicia para reclamar “modales”, xa que, segundo explica, non se informou nin se consultou ao Concello sobre a presenza da representante autonómica.

Respecto do anuncio realizado, o alcalde subliña que a responsabilidade de ubicar aos menores corresponde exclusivamente á Xunta de Galicia e ao Goberno central, e que o Concello “nada tivo que ver” na decisión de instalar o centro en Monforte. Tomé recalca que Monforte é “unha cidade acolledora e aberta”, pero insiste en que “é á Xunta a quen lle corresponde a tarefa de integrar social e laboralmente a estas persoas no conxunto do territorio, non só en Monforte”.

“A Xunta puido decidir levar estes menores a calquera dos 313 concellos de Galicia, incluso a cidades máis grandes, pero elixiu Monforte. As razóns desa decisión deben explicalas eles”, sinala o alcalde, que reitera que “as razóns de por que a Xunta decidiu traer estes menores a Monforte hai que preguntárllas á Xunta”, deixando claro que “o Concello nada tivo que ver” e que desde o executivo municipal se descoñecen as razóns desta decisión.

O novo centro, xestionado pola entidade social Prodeme, disporá de 80 prazas e ubicarase no edificio residencial Francisco Suárez. Segundo a Xunta, a apertura responde ao traslado de menores impulsado polo Goberno central e trátase das primeiras prazas específicas habilitadas en Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.10194611549377