Tomé anuncia o mantemento e conservación das marxes do río Cabe para evitar as crecidas

RibeiraSacraXa
As actuacións terán un orzamento de 17.486,03 euros que se desenvolveran en base ao encargo que ten a Deputación coa empresa Tragsa
limpeza-río-Cabe-Monforte
1 Sep 2024

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou ós medios de comunicación hoxe en rolda de prensa dende o paseo do Malecón da cidade, que o vindeiro luns 2 de setembro, comezarán as tarefas de conservación e mantemento das marxes do río Cabe para reparar os danos tras as crecidas do inverno. Na rolda estivo acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o concelleiro de Obras e Servizos, José Luis Losada.

En concreto, explica o rexedor, vaise actuar nos elementos de contención e estabilización que se atopan en mal estado e que precisan dunha rehabilitación para garantir a súa estabilidade. “Con este conxunto de actuacións favorecese a capacidade hidráulica, diminúese o risco de afeccións a infraestruturas e mellorarase o uso social do río”, afirma.

Estas obras terán un custo de 17.486,03 euros e desenvolveranse ao abeiro do encargo establecido entre a Deputación de Lugo e o seu medio propio, Tragsa, para o mantemento das zonas verdes, entre as que se inclúe a contorna do río Cabe.

"Desde o Concello de Monforte de Lemos, somos plenamente conscientes da importancia que ten o río Cabe para a nosa cidade, non só como un elemento natural que embelece o noso entorno, senón tamén como un recurso vital para o noso ecosistema e a seguridade dos nosos veciños. Tralo inverno pasado, onde as crecidas do río afectaron de maneira significativa a diversos puntos das marxes, os elementos de contención e estabilización sufriron danos importantes que precisamos reparar”, afirma o alcalde.

Por iso, “estamos a poñer en marcha un plan de mantemento e conservación das marxes do río, que inclúe a reparación das infraestruturas danadas e a mellora das medidas de prevención para futuros episodios de crecidas. Estas accións non só buscan restaurar as zonas afectadas, senón tamén reforzar a nosa capacidade de resposta ante fenómenos naturais, garantindo a seguridade de todos”.

“Estes traballos non só contribuirán a protexer os nosos recursos naturais, senón que tamén mellorarán a calidade de vida dos monfortinos e monfortinas, asegurando que poidan seguir desfrutando do río Cabe en condicións óptimas. Agradezo a colaboración dos veciños e veciñas durante estas obras e reitero o compromiso do Concello coa conservación do noso patrimonio natural”, concluíu José Tomé.

Traballos de mantemento e conservación nas marxes do río Cabe

Nun primeiro tramo vaise levar a cabo a recuperación e estabilización da marxe fluvial nun treito de aproximadamente 30 metros de lonxitude mediante o uso de técnicas tradicionais. A proximidade dun paseo e a existencia de muros de fincas particulares fai necesario estabilizar esta marxe con técnicas construtivas tradicionais de escollera.

Pola súa banda, vaise actuar nun segundo tramo onde se atopa estabilizada cunha escollera, pero que presenta varios puntos debilitados pola forza da auga que xerou ocos que poden comprometer a súa estabilidade. Neste caso, vanse cubrir ditos ocos mediante o retacado con pedra de similares características ás actuais, co obxectivo de impedir que se poida erosionar máis o interior da escollera.

Para a realización destes traballos será necesario que o nivel das augas estea o máis baixo posible. Por iso, o Concello prevé actuar en época de estiaxe e abrirá a presa do Parque dos Condes para rebaixar o calado na zona de traballo, e que permita así traballar en condicións óptimas para as actuacións nas escolleras.

O prazo de execución dos traballos estímase en 2 semanas, con inicio o vindeiro luns 2 de setembro.

0.15426707267761