Tomé acusa ao PP de levar 15 anos sen arranxar o tramo entre Folgoso e Seoane do Courel
O presidente da Deputación de Lugo e alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé, cargou esta mañá contra o Partido Popular pola situación actual do tramo entre Folgoso e Seoane, no Courel.
Fixo estas declaracións antes do Pleno da Deputación, onde o presidente provincial quixo lembrar que “o tramo de estrada que tiña que facer a Xunta entre Folgoso e Seoane leva sen facer máis de 15 anos”. Lembrou ademais que “a Deputación de Lugo fixo o tramo entre Pedrafita e Seoane. Con todo, o do medio, que é responsabilidade da Xunta de Galicia, ten ao Courel totalmente abandonado”, e sentenciou que “non fixeron nada do que tiñan que facer”.
As declaracións de Tomé chegan despois de que, hai unhas semanas, o presidente provincial pedira explicacións á Xunta de Galicia polo estado da rúa Chantada, en Monforte de Lemos. Trátase dunha obra realizada pola administración provincial que o alcalde e presidente provincial considera moi deficiente, sinalando que “actualmente a rúa Chantada atópase en peor estado que antes de que o organismo autonómico acometera as correspondentes actuacións de asfaltado”.
O Partido Popular respondeu a estas declaracións acusando ao propio Concello de ser o responsable da situación: “Desde o primeiro momento foi o alcalde quen tentou boicotear os traballos, demorando incomprensiblemente a autorización da obra”, afirmou a voceira popular en Monforte, Kay Varela.
Para Tomé, “é unha vergoña que o PP se dedique a andar criticando os buratos dos demais e a criticar a tardanza en facer os viadutos do Castro, que se construíron en tempo récord, mentres teñen a estrada do Courel sen tocar desde hai tres anos”.