Todo listo para celebrar a vixésima edición do Castañazo Rock

O Castañazo Rock Chantada vén de presentar a súa vixésima edición, que se celebrará os vindeiros 31 de outubro e 1 de novembro. Trátase dunha edición especial que conmemora vinte anos de historia e que volve contar coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, así como do Concello de Chantada.
O Castañazo 2025 celebra o seu vixésimo aniversario reivindicando as súas raíces cun cartel formado exclusivamente por bandas galegas. O venres actuarán The Rapants, Catuxa Salom, Mondra, Liviao de Marrao e Terrae, mentres que o sábado será a quenda de A Banda da Loba, De Ninghures, Baiuca, Rastreros e Orquestra Bravú Xangai.
Como colofón, a organización anunciou unha actuación conxunta de Rastreros e Orquestra Bravú Xangai, un número especial que servirá de homenaxe ás orixes do festival e ao movemento bravú, ao que estivo vencellado nas súas primeiras edicións.
Alén dos concertos, o festival ofrecerá un programa paralelo de actividades co obxectivo de implicar públicos diversos. Haberá cantos de taberna, un magosto popular, propostas infantís dentro do Ourizo Miúdo, os Xogos Bravús e unha feira de artesanía, reforzando así o carácter festivo e comunitario do evento.
Durante a presentación, o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, reafirmou o compromiso da institución co evento e co tecido cultural da provincia, sinalando que esta colaboración forma parte da “relación continuada e estable que desde a área de Cultura mantemos co tecido asociativo na organización de festivais de pequeno e mediano formato, mantendo unha axenda de música en directo que ofreza espazos para as bandas galegas”.
O vicepresidente subliñou ademais que o Castañazo foi “pioneiro neste modelo, consolidando desde os seus inicios un festival feito desde a propia vila e comprometido coa música galega”.
Pola súa parte, desde o Concello de Chantada destacaron o traballo da Asociación Cultural O Castañazo, que chega ás vinte edicións cun cartel integramente de música galega. “É significativo e de agradecer que todos os grupos desta edición sexan de Galicia. Se a climatoloxía acompaña, agardamos ver moita xente durante os concertos e nas rúas, participando nas actividades paralelas do festival, pensadas para todos os públicos. O impacto socioeconómico desta cita na vila é moi importante, tal e como confirman desde a hostalaría, a restauración e o comercio”, sinalaron.
O Concello de Chantada concede para esta celebración unha subvención nominativa de 15.000 euros, ademais de colaborar en toda a operativa loxística do evento.