Todo listo en Taboada para celebrar a Queima das Fachas de Castelo

RibeiraSacraXa
O Concello prepara un completo programa de actividades para este domingo
Queima-das-Fachas-Taboada
6 Sep 2025

O próximo domingo 7 de setembro, o Castro de Castelo converterase nun escenario máxico coa celebración da tradicional Queima das Fachas, un ritual ancestral que cada ano atrae veciños e visitantes.

Para poñer en valor este día, o Concello de Taboada organizou un programa de actividades que se desenvolverán ao longo de toda a xornada. Pola mañá, ás 11:00 horas, terá lugar a visita guiada “Estratos na Terra”, que permitirá coñecer os esgrafiados dos lugares de Fiunte, con “Historias dos Caleadores”, e Gondulfe, con “Historias dunha casa”. O punto de encontro será en Fiunte e non é necesaria inscrición previa.

Durante todo o día, a praza de Riazón contará coa Foodtruck de Galicia Sabe a Mar, da Xunta de Galicia, en horario de 12:00 a 15:00 horas e de 17:30 a 20:30 horas.

Xa pola tarde, ás 17:00 horas, celebrarase unha ruta turística guiada pola parroquia de Castelo, conducida por Xavi Viana. Durante o percorrido visitaranse o sartego de Santán, a aldea de Covas, a igrexa de Santa María, o peto das ánimas de Castelo e o miradoiro da Cariza, rematando no Castro de Castelo. O punto de encontro será no Mesón de Castelo e tampouco require inscrición.

Pola noite, ás 21:30 horas celebrarase a cea con polbo e carne ao caldeiro, e sobre a medianoite subirase ao Castro para proceder á tradicional Queima das Fachas, un acto que simboliza un encontro máxico e cargado de tradición para Castelo e para todo o concello de Taboada.

Desde o Concello convidan a veciños e visitantes a participar en todas as actividades e, sobre todo, a non perder a ocasión de gozar desta noite máxica no Castro de Castelo.

⚙ Configurar cookies
0.16474103927612