Teddy López esixe ao goberno local da Pobra do Brollón que compense aos veciños pola mala calidade da auga
O Partido Popular da Pobra do Brollón denuncia que dende finais de maio os veciños de 17 núcleos rurais e 13 rúas da Pobra do Brollón teñen que ferver a auga da traída antes de consumila, porque non reúne as condicións técnico-sanitarias esixidas e que o Concello debe estudar compensacións económicas aos usuarios.
Así, Teddy López, portavoz dos populares no municipio, lembra que o abastecemento de auga é un servizo básico e atribúe á falta de xestión do alcalde que a traída non reúna as condicións necesarias para garantir a calidade do subministro cando chove moito e o río arrastra terra.
López lembra que o pasado día 31 de maio, o alcalde, José Luis Maceda, emitiu un bando no que sinala que a auga trae “moito lodo”, polo que non é posible garantir que cumpra todos os parámetros esixidos na normativa vixente e non recomendaba usar a auga da traída sen fervela previamente durante dous ou tres minutos.
Por isto, Teddy López argumenta que “o subministro de auga potable é unha obriga dos concellos e deben ter as infraestruturas necesarias para asegurar a captación, potabilización e distribución nas debidas condicións”. O portavoz popular indica que todos os usuarios do abastecemento teñen que pagar as cantidades correspondentes á prestación deste servizo, pero este non cumpre ascondicións mínimas, polo que o goberno local deberá considerar a posibilidade de aplicar medidas económicas compensatorias".