Teatro, festa de inchables, concertos e moitas actividades para celebrar o Nadal en Quiroga

RibeiraSacraXa
Co acendido do alumeado das rúas quiroguesas o martes pola noite, abriuse oficialmente o Nadal en Quiroga, que acollerá diferentes actividades para toda a veciñanza este mes de decembro e principios de xaneiro.
Nadal Quiroga equipo de Goberno
8 Dec 2023

Co acendido do alumeado das rúas quiroguesas o martes pola noite, abriuse oficialmente o Nadal en Quiroga, que acollerá diferentes actividades para toda a veciñanza este mes de decembro e principios de xaneiro.

Así, a primeira das iniciativas será o Concerto de Nadal o vindeiro 16 de decembro ás 18.00 horas na Casa da Cultura, mentres que Papá Noel visitará o Concello, na praza de España, o día 23 desde as 16.00 ás 18.00 horas.

Pola súa parte, entre o 26 e o 29 terá lugar o torneo de Nadal Fútbol Sala no pavillón municipal, mentres que o 27 tamén haberá unha actividade de  teatro para público infantil con 'Contos de Caberna' a cargo de Lîla Teatro e baixo a colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. O día 28 terá lugar un bingo especial de Nadal no centro social ás 17.00 horas e ás 19.00 o Grupo de Teatro Augas do Sil representará 'Nunca é tarde para o amor'.

O día 31 celebrarase a famosa Carreira San Silvestre solidaria, que sairá da praza de España ás 12.00 horas, mentres que xa en xaneiro haberá unha Festa de Inchables no Pavillón Municipal os días 3 e 4.

Para rematar, o día 5 terá lugar a Cabalgata de Reis a partir das 18.00 horas na rúa Real e o 6 celebrarase o espectáculo musical 'Unha noite na eira do trigo', a cargo do grupo La Oca, contando coa colaboración da Dirección Xeral de Política Lingüística e que poñerá fin ao Nadal en Quiroga.

0.20537805557251