Tarabela Creativa visitará a Biblioteca Pública Municipal de Sober
O obradoiro de narración oral estará impartido este 21 de xuño por Carmen Conde.
Este obradoiro de narración oral de Tarabela Creativa acontecerá na Biblioteca Pública Municipal de Sober este 21 de xuño, ás 18.00 horas da tarde. Será impartido por Carmen Conde.
Os interesados que acudan a el poderán ouvir e escoitar a través da verba falada moitas historias que tal como explican desde Tarabela Creativa son as que nos "reúnen e converten en comunidade, a que nos sorprende, a que nos axuda a comprender ao resto e incluso a nós unha miguiña mellor".
Tarabela Creativa defínese a si mesma do seguinte modo: "Nós somos da terra. Concretamente da terra negra, da húmida, daquela na que se medra. A que é abundante en organismos e que polo tanto está disposta para sementar".
Neste senso, explican que desde o proxecto están dispostas a tomar "o sacho para facer reguiños ben rectos e cultivar historias" e detallan as diferentes formas que teñen para facelo: "Ás veces a xeito de guión. Outras, a xeito de dramaturxia. Ó final, en calquera caso, sempre está a nosa pequena produción. Que sae da nosa leira para distribuirse con mimo por toda a parroquia".
A actividade está englobada dentro do programa Ler Conta Moito.