Taboada vibrará co rock de Heredeiros da Crus na Festa da Mocidade

O corazón da mocidade taboadesa volverá latexar con forza o vindeiro 8 de agosto, data na que se celebrará unha nova edición da Festa da Mocidade de Taboada. O evento, que serve como antesala das festas patronais do municipio, chega este ano cun cartel musical que mestura tradición, irreverencia e moita festa.
O prato forte da noite será a actuación de Heredeiros da Crus, o mítico grupo de rock nacido en Ribeira, que regresa á escena para deleitar co seu estilo único, entre o punk, o glam e o humor máis galego. Xunto a eles, subirán ao escenario outras formacións que prometen manter a festa acesa: Quinkillada, Os Residuos Atractivas, Rastreros e The Palangans.
A xornada comezará xa pola tarde cunha ruta polos bares da vila a partir das 19:30 horas, ambientada pola charanga Sol do Faro Brass, que animará as rúas co seu repertorio festivo. Ás 21:30 será a quenda da cea popular, aberta a todas as persoas que merquen a camisola oficial do evento.
A organización, a cargo da Asociación Madialeva O! Taboada, ofrece un paquete completo por 16 euros (ou 19 euros a partir do 31 de xullo) que inclúe a camiseta, acceso á cea e consumicións de cervexa e calimocho ata as 23:30 horas. No menú figuran pratos populares como bolo preñado, empanada e tarta de chocolate Ancano.
Os puntos de venda das camisolas están repartidos por diversos locais do municipio: Café Bar Mario, Café Santa Lucía, Bar Devezo, Cafetería Scala, Bar Rian e Distribucións Casa Guillermo.
Os concertos comezarán ás 22:30 horas e prolongaranse durante a noite cunha proposta pensada para todos os públicos, especialmente para a mocidade, que cada ano converte esta cita nunha das máis esperadas do verán na comarca.
O evento conta co apoio do Concello de Taboada, a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia, a través da área de Cultura, que destacan o valor dinamizador desta iniciativa para a vida social e cultural da vila.