Taboada terá na vindeira semana un simulacro de incendio forestal

RibeiraSacraXa
Organízase en Taboada, a vindeira semana, un simulacro de incendio forestal para ultimar a preparación do dispositivo de emerxencias.
helicoptero incendio forestal lume
25 Maio 2021

Estase a organizar un simulacro de incendio forestal de situación 2 que terá lugar na parroquia taboadesa de Bouzoa o vindeiro día 3 de xuño. Hoxe celebrouse na Delegación Territorial de Lugo unha reunión previa de coordinación con representantes de todas as administracións e das forzas e corpos de seguridade implicados.

Así pois, sinalouse que o obxectivo é “ultimar a preparación do dispositivo de emerxencias, e comprobar que a coordinación é plena e que se optimizan os medios materiais e humanos na loita contra o lume”.

A xuntanza reuniu a máis dunha vintena de persoas que durante o simulacro coordinarán a arredor dun centenar nas distintas tarefas de intervención, apoio loxístico, seguridade e sanitarias atendendo ás ordes do Posto de Mando Avanzado que se establecerá preto do lugar elixido.

Participaron na xuntanza os responsables das xefaturas territoriais de Presidencia e Medio Rural, Gerardo Criado e Olga Iglesias respectivamente, e membros dos servizos de Emerxencias e de Prevencion de Incendios Forestais. Tamén asistiron o alcalde de Taboada, Ramiro Moure, representantes da Subdelegación do Goberno, da Garda Civil, Policía Autonómica, GES de Monterroso, Consorcio Provincial de Lugo para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento, Fundación 061, Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Chantada e Taboada e da Federación Lucense de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil.

0.069750070571899