Taboada rehabilitará a antiga Cámara Agraria grazas a unha achega de 138.000 euros da Deputación de Lugo

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo deu luz verde este venres a un convenio de colaboración co Concello de Taboada por preto de 138.000 euros para rehabilitar o edificio da antiga Cámara Agraria, situado na praza de Muñelos, e destinalo a un local multiusos. Trátase dun inmoble construído no 1950 e “urxe a súa remodelación”, segundo informan dende o organismo provincial.
Grazas a este acordo “Taboada non só recuperará un edificio histórico, senón que tamén contará con un espazo útil no que poder organizar numerosas actividades para fomentar a convivencia ente os veciños e veciñas”, destacou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen detallou que os traballos previstos consistirán na demolición dos tabiques interiores; a incorporación de 2 aseos na planta baixa, un deles adaptado para persoas con mobilidade reducida e un terceiro na planta alta; a dotación de ambas plantas das correspondentes instalacións de auga, luz e rede de sumidoiros e tamén se substituirá a carpintería actual; e no exterior, instalarase unha nova cuberta conservando a estrutura existente.