Taboada recupera esgrafiados históricos en San Xián de Campo e instala iluminación nocturna

O Concello de Taboada, en colaboración co Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, levou a cabo a recuperación dun conxunto de esgrafiados nun hórreo, nunha casa e nunha igrexa da parroquia de San Xián de Campo. Como parte da actuación, tamén se instalou iluminación nocturna para realzar estes elementos patrimoniais.
Esta iniciativa foi cofinanciada polo Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, a Secretaría de Estado de Turismo e a Axencia de Turismo de Galicia, no marco do Plan de Sostibilidade da Ribeira Sacra.
O alcalde, Roi Rigueira, destacou a importancia do turismo para a comarca e o municipio, sinalando que “o turismo é un sector decisivo no desenvolvemento socioeconómico da Ribeira Sacra e, polo tanto, tamén do Concello de Taboada, e desde o goberno municipal temos moi claro que debemos potencialo”.