Taboada recibe 250.000 euros da Deputación de Lugo para mellorar accesos e servizos municipais

O Concello de Taboada recibirá 250.000 euros da Deputación de Lugo grazas a un convenio asinado entre o presidente da institución provincial, José Tomé Roca, e o alcalde, Roi Rigueira Agromartín, destinado a mellorar a mobilidade e potenciar os servizos municipais.
Entre as actuacións previstas está a mellora do miradoiro Banco do Cuco, en Friamonde, na parroquia de San Xián de Insua, sobre o Canón do Río Miño, onde se substituirán as mesas por outras novas con bancos incorporados e unha tumbona de madeira, ademais da instalación de cinco postes informativos.
Tamén se acondicionarán camiños na parroquia de Cicillón, desde a Lagoa a Nogueira, e o camiño de Baiuca, na parroquia do Couto, incluíndo limpeza de cunetas e pavimentación, mellorando a seguridade viaria dos veciños e veciñas. Ademais, repavimentarase o camiño de acceso desde o cruce de Buin a Brandián, na parroquia de Campo, e acondicionarase o acceso en varias parroquias como A Vila, Quinzán, Tabernas, A Sabugueira, Tuiriz e Friamonde.
No núcleo urbano de Taboada, renovaráse con aglomerado en quente o acceso norte da Avenida de Lugo, procedendo posteriormente ao repintado de bordos e cebreados e á instalación da correspondente sinalización vertical.
O convenio inclúe tamén a adquisición dun tractor novo para o parque móbil do Concello e o financiamento dunha actuación musical dentro do Festival da Mocidade celebrado o pasado 8 de agosto.
José Tomé destacou que este acordo enmarca o compromiso da Deputación coa cooperación e asistencia aos concellos, buscando “mellorar as súas infraestruturas, garantir a prestación de servizos de calidade e contribuír ao desenvolvemento do rural da nosa provincia”.