Taboada presenta o calendario “ELAS”, unha homenaxe ás mulleres do municipio

RibeiraSacraXa
A publicación recolle doce historias protagonizadas por mulleres de Taboada a partir da exposición As donas do Caldo de Ósos e xa está dispoñible para a veciñanza
calendario-taboada-mulleres
20 Mar 2026

O Concello de Taboada presentou o calendario “ELAS” para o curso 2026/2027, unha publicación que nace a partir da exposición As donas do Caldo de Ósos e que pon en valor a memoria colectiva do municipio a través de imaxes antigas.

A iniciativa forma parte dunha convocatoria lanzada este ano polo Concello, dirixida á veciñanza, para recompilar fotografías co obxectivo de recuperar e preservar o patrimonio cultural local. Tras varios meses de traballo, o calendario, que reúne as imaxes da mostra, xa está dispoñible.

A publicación recolle doce historias protagonizadas por mulleres de Taboada, vinculadas á tradición do caldo de ósos. “Son doce mulleres, doce vidas, doce cociñas e doce caldos”, destacan desde o Concello, que subliña o papel destas veciñas como transmisoras de coñecementos e costumes.

Desde a organización recoñecen que a distribución non puido realizarse en febreiro, coincidindo coa celebración do Caldo de Ósos, debido a diversos contratempos. Aínda así, o calendario xa comezou a entregarse tanto a algunhas das súas protagonistas como en distintos espazos do municipio, como o CPI San Tomé do Carballo, onde tivo unha boa acollida.

O reparto continuará este venres 20 na praza de Riazón, coincidindo coa xornada de feira, nunha nova oportunidade para achegar este proxecto á cidadanía.

O Concello quixo agradecer a participación de todas as mulleres implicadas, destacando o seu papel na conservación da tradición e sinalando que este calendario é, en última instancia, un recoñecemento ao seu labor diario.

0.12321996688843