Taboada prepárase para vivir unha noite de medo coa ruta ‘Taboada terrorífica’

Logo do éxito das edicións anteriores, o Concello de Taboada volve celebrar este outono a súa xa tradicional ruta-xincana “Taboada terrorífica”, unha proposta que mestura aventura, misterio e diversión para dar a benvida á noite máis escura do ano.
A actividade terá lugar o xoves 31 de outubro, con saída dende o Centro Cívico ás 22:00 horas. O percorrido será circular e realizarase por quendas, en intervalos de entre cinco e dez minutos, en grupos de ata dez persoas. O evento está pensado para maiores de 15 anos, e os menores deberán presentar un consentimento asinado polos pais, nais ou titores legais.
A noite rematará de novo no Centro Cívico, onde se recibirá aos últimos “superviventes” desta ruta nocturna. A participación é gratuíta, mais é preciso cubrir o formulario de inscrición dispoñible en liña.
Durante a tarde, a partir das 17:00 horas, tamén haberá actividades infantís adaptadas para os máis pequenos da casa.
O evento está organizado pola Área de Cultura do Concello de Taboada, en colaboración coa Asociación Cultural O Carballo, e forma parte da programación municipal de outono que busca fomentar o lecer e a participación veciñal con propostas creativas para todas as idades.