Taboada prepárase para celebrar este sábado a V Foliada e Cantos de Taberna

Este sábado 25 de outubro, Taboada converterase de novo nun punto de encontro para a música tradicional galega coa celebración da V Foliada e Cantos de Taberna, unha cita que enche as rúas e locais da vila de ambiente, baile e cultura popular.
A xornada comezará ás 13:00 horas cunha sesión vermú e obradoiro de baile tradicional impartido por Gabi Reboredo, aberto e gratuíto para todas as persoas que queiran aprender ou practicar pasos da danza galega. Ao remate, haberá xantar comunal e posto de comida dispoñible durante todo o día.
Pola tarde, a partir das 18:00 horas, será a quenda dos Cantos de Taberna, organizados pola Asociación Cultural Rechouchíos e o grupo Os Afogapalletas, dúas formacións locais que manteñen viva a tradición musical e dinamizan a vida cultural da vila.
O broche final chegará ás 23:00 horas no Centro Cívico, co concerto de Lideira, que traerá música galega en directo antes dunha foliada libre aberta á participación do público.
A actividade conta coa colaboración da Área de Cultura do Concello de Taboada e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, reafirmando o compromiso institucional co apoio ás iniciativas culturais e á promoción da música tradicional.