Taboada licita a rehabilitación da antiga Cámara Agraria tras décadas de abandono

O Concello de Taboada vén de sacar a licitación o proxecto de rehabilitación da antiga Cámara Agraria, un edificio que permanecía pechado e sen uso desde os anos noventa. O proxecto, impulsado polo PSdeG-PSOE local, contará cunha financiación íntegra da Deputación de Lugo por un importe de 138.000 euros.
O PSdeG-PSOE de Taboada celebra este “fito clave para o municipio”, unha actuación que, din, “simboliza o traballo sostido e a visión estratéxica dos socialistas locais, tanto desde a oposición como agora desde o goberno municipal”.
O inmoble, situado nunha zona clave da vila, foi durante anos un espazo de referencia para xeracións de gandeiros e gandeiras, pero quedou en desuso tras o seu peche hai máis de tres décadas. Durante o anterior mandato municipal (2019–2023), cando o PSdeG estaba na oposición, comezaron os trámites para a súa recuperación. Finalmente, o Concello adquiriu o edificio á Xunta de Galicia por algo máis de 20.000 euros, unha cantidade que se aboa en dez anualidades.
No mandato actual, coa chegada de Roi Rigueira á Alcaldía, o goberno socialista logrou a sinatura dun convenio coa Deputación de Lugo para financiar integramente a súa rehabilitación. Un total de 138.000 euros que permitirán poñer en valor este edificio e darlle uso dentro dunha zona estratéxica do municipio, onde se atopan o centro médico, a residencia da terceira idade, o cuartel da Garda Civil, a Casa do Maior, o parque infantil e o Campo da Feira, entre outros servizos.
“Na miña opinión, a isto chámaselle traballar con perspectiva e ter claros os plans de futuro. Identificamos unha oportunidade, pedimos que se aproveitase e, cando dependeu de nós, conseguimos a financiación necesaria para sacar o proxecto adiante”, afirmou o alcalde e secretario xeral do PSdeG de Taboada, Roi Rigueira.
A licitación da obra publicouse o 30 de xuño na plataforma de contratación do Estado e o prazo para presentar ofertas permanecerá aberto ata o 20 de xullo.
O goberno local xa estuda actuacións complementarias, como a reorganización das dependencias municipais para facilitar a relación da veciñanza coa administración local, especialmente para persoas maiores ou con mobilidade reducida. “Esa debe ser unha premisa básica de todo goberno que se prece”, engadiu Rigueira.
Desde o PSdeG de Lugo destacan este proxecto como un exemplo de planificación, compromiso político e boa xestión para recuperar espazos públicos abandonados e poñelos ao servizo da veciñanza.