Taboada homenaxeou a memoria de Francisca García, cantareira de Quinzán do Carballo

O Concello de Taboada celebrou onte un emotivo acto con motivo das Letras Galegas 2025, dedicado á memoria de Francisca García, cantareira de Quinzán do Carballo, e a todas as mulleres que, como ela, foron gardiás da poesía e da música oral tradicional.
A homenaxe, organizada pola Área de Cultura do Concello e coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, reuniu a familiares da homenaxeada, ao grupo local Rechouchíos Taboada, que abriu o acto, a veciños e veciñas, así como a dúas destacadas voces da música galega: Tereixa Novo e Faia Díaz.
Tereixa Novo, membro do histórico grupo Fuxan os Ventos, destacou a importancia das recollidas tradicionais na conservación da música popular e puxo en valor o papel de Francisca García, cuxas cantigas foron fonte para dúas coñecidas versións do grupo: A Costureira e Malveliña. Durante o acto puidéronse escoitar tanto as versións orixinais como as adaptadas por Fuxan os Ventos.
Pola súa banda, a cantante Faia Díaz ofreceu unha interpretación do tema Dona Alvela, no que recupera o espírito do romance transmitido por Francisca, pechando así unha xornada chea de emoción e memoria.
A programación completouse coa inauguración dun mural da asociación Rechouchíos, que serve tamén como homenaxe ás informantes do concello, perpetuando visualmente o seu legado cultural.