Taboada habilita un punto de recollida de plásticos agrícolas dende o 1 de xullo

A Área de Medio Rural do Concello de Taboada informou da posta en marcha dun punto específico para a recollida de plásticos agrícolas soltos, en funcionamento dende o pasado 1 de xullo de 2025.
A localizacion escollida atópase na parcela municipal situada na Estrada de Ramil, xunto á cooperativa Aira, onde as persoas produtoras poden depositar este tipo de residuos seguindo a normativa establecida.
Segundo explicou o Concello, só se aceptarán plásticos que estean dobrados, limpos e libres de terra ou restos de envases. Non se admitirán materiais voluminosos nin elementos como redes, cordas, sacos de rafia ou polipropileno, neumáticos ou envases plásticos de calquera tipo, incluíndo garrafas ou bidóns.
Para facer uso do servizo é imprescindible chamar previamente ao teléfono 609 958 743. Desde a administración municipal advertiron que aquelas persoas que non cumpran coas condicións establecidas non poderán deixar os plásticos no punto de recollida.