Taboada defendeu o seu patrimonio en Festur

RibeiraSacraXa
Destacou na presentación ao público a facha e as imaxes da Queima da asociación As Fachas
taboada-festur-turexpo
O posto de Taboada en Festur
2 Xuño 2024

O Concello de Taboada participou en Festur, dentro do salón Turexpo Galicia e de xeito paralelo á celebración da Semana Verde de Silleda.

O representantes municipais levaron fotografías de monumentos e da súa paisaxe; agradecendo de xeito expreso a colaboración da Asociación Cultural As Fachas, que prestou unha facha e cartelería e imaxes da Queima, que é a única Festa de Interese Turístico e BIC (Ben de Interese Cultural) que ten este concello.

Non podía faltar tampouco a festa por antonomasia, o Caldo de Ósos, así como outros eventos que vén organizando Asociación de Comerciantes e Industriais do Municipio de Taboada, tales como Petiscos de Nadal e Raizames.

En Festur presentouse tamén unha escolma da maior parte dos libros que versan sobre o concello, así coma unha pequena mostra de produtos taboadeses, como viño ou galletas.

Non faltou o material audiovisual, que se reproduciu en bucle ata hoxe, domingo, e que serían os videos Taboada. Onde queres estar, Os gardiáns das cepas, elaborado para a última edición de Raizames e O caldo de ósos nas súas mans, gravado igualmente para a edición de dita festa neste pasado entroido.

0.20983600616455