Taboada dálle luz ao seu nome na Praza de Riazón

RibeiraSacraXa
O nome do concello luce en letras de cortén con iluminación nocturna na Praza de Riazón, como parte do proxecto Vagalumes
Taboada-instalacion-letras-praza-riazon-2025
26 Jul 2025

O Concello de Taboada vén de estrear un novo elemento identificativo no espazo público coa instalación dunhas letras decorativas de gran formato que reproducen o nome do municipio: TABOADA. Situadas no muro da cara norte da Praza de Riazón, estas letras metálicas, elaboradas en chapa de cortén dun metro de altura, buscan reforzar a identidade local e embelecer un dos puntos máis transitados da vila.

A estrutura conta ademais cun sistema de iluminación nocturna mediante tiras LED, o que permitirá que o conxunto destaque tamén durante a noite, ofrecendo un efecto visual atractivo e moderno. A actuación enmárcase no proxecto Vagalumes, promovido polo Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, e está cofinanciada pola Secretaría de Estado de Turismo, a Axencia de Turismo de Galicia e o propio Consorcio, a través do Plan de Sostibilidade Turística Ribeira Sacra.

O alcalde, Roi Rigueira, e a concelleira de Turismo, María José Poyán, achegáronse este xoves ata a praza para supervisar a instalación xa rematada. Segundo explicaron, trátase dunha iniciativa "simbólica pero significativa, que axuda a poñer en valor o centro neurálxico da vila, dinamizando visualmente un espazo de encontro e reforzando a imaxe do noso concello tamén de cara aos visitantes".

A proposta, que combina estética e promoción turística, súmase a outras accións recentes que procuran mellorar a presenza urbana de Taboada e consolidala como destino dentro da oferta da Ribeira Sacra.

⚙ Configurar cookies
0.5181348323822