Taboada converterá a antiga Casa Escola da parroquia de Meixonfrío nun local social

RibeiraSacraXa
A Deputación de Lugo e o Concello de Taboada veñen de asinar un acordo de colaboración que tamén contempla a mellora de sete vías municipais cun investimento de 105.000 euros
Joé Tomé e Roi Rigueira
Joé Tomé e Roi Rigueira
20 Nov 2024

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, vén de asinar no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración co alcalde de Taboada, Roi Rigueira Agromartín, a través do que a institución provincial achega 105.000 euros para que o Concello desenvolva varias actuacións coas que continuarán ofrecendo máis e mellores servizos aos veciños e veciñas do municipio.

José Tomé enmarcou este acordo “nun dos eixos que vertebran a nosa actividade, que é a cooperación cos concellos da provincia. Nese sentido, desde a institución provincial ofrecémoslles recursos económicos para que poidan sacar adiante iniciativas e proxectos que beneficien á veciñanza”. O mandatario provincial recordou que “no ano 2025 a Deputación achegará máis do 20% do Orzamento a esta liña de actuación” e avanzou que “xa só ao Plan Deputación destinaremos 22 millóns de euros”.

Por unha banda, inclúense preto de 75.000 euros para realizar o acondicionamento e a mellora de 7 vías municipais. En concreto, os camiños que se van arranxar son: dous tramos do camiño de Bouzoa a Maxal, na parroquia de Bouzoa; o acceso a Faquios, na parroquia de Castelo; o vial que dá acceso a Casilla, na parroquia de Vilela; a mellora da pista que vai desde As Neves ata o límite municipal da estrada que vai a Monterroso por Sambreiro; os accesos á vila de Cadeiroás, na parroquia de Xián; o acceso en Zoás; na parroquia de Moreda e o arranxo da pista que une Friamonde e Couso, na parroquia de Insua San Xián.

O paso do tempo e as inclemencias meteorolóxicas provocaron o deterioro do firme destes viais. Por iso, e co fin de darlle solución a esta situación e mellorar a seguridade vial destes tramos, as actuacións previstas consisten na mellora do pavimento e na limpeza de cunetas para facilitar a circulación das augas. O prazo de execución destas obras é de dous meses.

Novo local social en Meixonfrío

Por outra banda, neste acordo de colaboración tamén se inclúen algo máis de 30.000 euros para poñer en marcha un proxecto moi demandado polos veciños e veciñas de Taboada. Trátanse das obras que permitirán converter a antiga Casa Escola da parroquia de Meixonfrío nun local social. Nesta primeira fase as actuacións previstas consisten na rehabilitación da cuberta e no reforzo da estrutura para convertelo nun espazo de encontro onde realizar diferentes actividades.

0.10395693778992