Taboada avanza na rehabilitación da LU-611 coa limpeza e reapertura das cunetas

Esta semana deron comezo os traballos de limpeza e reapertura das cunetas da estrada LU-611, que une Taboada con Rubián, como preparación previa á rehabilitación do firme e que permitirán acometer próximamente a pavimentación desta vía.
Nunha primeira fase, a intervención centrarase no tramo entre o punto quilométrico 36, na vila de Taboada, e o 32+500 aproximadamente, na zona do Coio Blanco, no cruce cara As Seixas e Santa Eulalia. Posteriormente, na segunda fase, os traballos continuarán cara Tuiriz e Friamonde.
O alcalde de Taboaada, Roi Riguera destaca a importancia desta aactuación, non só para a veciñanza, senón tamén de cara á XIII Subida a Taboada, que se celebrará a última fin de semana de abril organizada pola Escudería Taboada, xa que o novo firme estará dispoñible ao longo de todo o trazado.
O alcalde aproveitou para agradecer especialmente a colaboración de Javier Arias Fouz, Delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, e de Gerardo Pallares, xefe da Axencia Galega de Infraestruturas en Lugo, lembrando que “cando as distintas administracións colaboran, os beneficiados son os veciños e as veciñas”.