Taboada acollerá unha nova edición do curso de aplicador de produtos fitosanitarios

Taboada acollerá unha nova edición do curso de aplicador de produtos fitosanitarios debido á elevada demanda da primeira convocatoria, cuxas prazas se esgotaron rapidamente. A iniciativa está organizada polo Concello de Taboada, a través da Tenencia da Alcaldía, en colaboración coa Axencia Galega de Calidade Alimentaria e a Asociación Agraria de Galicia, e terá lugar do 20 ao 24 de abril na Casa da Cultura, en horario de 16:00 a 21:00 horas.
As persoas interesadas poden inscribirse directamente no Concello, sendo imprescindible presentar o DNI, e o custo do curso será de 60 euros por participante. O obxectivo desta formación é capacitar aos asistentes no uso seguro e responsable de produtos fitosanitarios, garantindo o cumprimento da normativa vixente e promovendo boas prácticas no ámbito agrario. As prazas son limitadas, polo que desde a organización animan a inscribirse canto antes.