Taboada acollerá a terceira edición de Raizames, o Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra

O vindeiro fin de semana, do 23 ao 25 de maio, a vila de Taboada converterase no epicentro da cultura vitivinícola coa celebración da terceira edición de Raizames, o Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra. A cita, organizada pola ACIMTA, combinará cultura, arte, música, viño e reflexión nun amplo programa de actividades abertas ao público.
Venres 23 de maio
A programación comezará o venres 23 de maio ás 18.30 horas coa apertura oficial do encontro. Ás 19.00 horas, terá lugar a inauguración da instalación fotográfica Retrátate, na Praza de Riazón. A continuación, ás 20.00 horas, proxectarase o documental Taboada de Ribeira a Ribeira no auditorio da Casa Cuartel, con participación de David Pinancho e Noa López. A xornada pecharase ás 21.00 horas cunha cata guiada na Casa da Cultura.
Sábado 24 de maio
O sábado dará comezo cun roteiro cultural entre as 10.00 e as 13.00 horas baixo o título Canta arte se agocha nunha cunca de viño, con intervencións artísticas sorpresa e cata guiada. A saída e regreso será en autobús dende a Praza de Riazón, previa inscrición.
Desde as 12.00 horas ata as 16.00 horas, abrirase o Espazo Atmosfera Viño na Praza de Riazón, cunha coidada selección de viños comentados por voces expertas. A música chegará ás 14.00 horas co concerto de Mediarea.
Ás 17.00 horas, celebrarase o encontro O viño, con nome de muller, no que participarán viticultoras, enólogas, sumilleres e xornalistas, acompañado dunha cata guiada.
A partir das 18.30 horas, haberá un espazo infantil e familiar titulado A viticultura a través dos sentidos.
De novo, entre as 19.00 e as 23.00 horas, reabrirá o Espazo Atmosfera Viño. A música volverá ás 21.30 horas coa actuación de Andhrea and The Black Cats, e o día rematará ás 23.00 horas coa tradicional Queima dunha facha, organizada pola Asociación As Fachas de Castelo.
Domingo 25 de maio
A xornada do domingo comezará ás 11.00 horas no Pazo de Bembibre co encontro Espazo Adegas: O viño, embaixador do territorio, que contará con representantes de varias adegas da Ribeira Sacra e do Consello Regulador, así como coa Fundación Belarmino Fernández. O acto incluirá unha cata guiada.
A actividade continuará entre as 12.00 e as 16.00 horas co Espazo Atmosfera Viño na Praza de Riazón. Ás 14.00 horas será a quenda do concerto do Coro da Rá, e ás 15.30 horas terá lugar o tradicional brinde de feche do encontro.
Raizames promete ser, un ano máis, unha celebración que fusiona o viño coa identidade cultural, histórica e artística da Ribeira Sacra, consolidándose como unha cita imprescindible no calendario enolóxico e cultural de Galicia.